Sermos Galiza foi alén dos 5 millóns de páxinas vistas en 2016

luns, 2 de xaneiro do 2017 Redacción

Con todo o que fornece a Rede, e os internautas, amais doutras moitas cousas, seguimos querendo medios de comunicación galegos, propiamente galegos (escritos na nosa lingua). Froito disto é a aparición en abril de 2012 do semanario (dixital e en papel) Sermos Galiza e o seu mantemento no tempo até o día de hoxe, precisamente hoxe, xornada elixida polos responsábeis do medio para facer reconto do ano que vimos de deixar atrás, 2016, ao que “cualifican como un bon ano”. Ao longo deste doce meses, sinalan dende Sermos, este “foi quen de manter a liña ascendente como mostra a súa penetración nas redes sociais”. Asemade, indican, a canle dixital fechou o exercicio con 5.170.698 páxinas vistas, para un total de usuarias e usuarios únicos de 571.884.
Asemade, a taxa de novas sesións acadou o 30,55 por cento, sinalan dende Sermos Galiza, engadindo que a visita promedio á páxina web foi de nove minutos e catro segundos. Segundo informan, as tres pezas con máis seguimento do ano foron o artigo de Manuel Veiga Por que Votei PP, con 22.588 leitoras e leitores, a información sobre a morte do músico Fran Pérez Narf, con 15.888, e o recente artigo sobre Pardo de Cela, con 14.769.

PUBLICIDADE