Sermos xa ten máis de 20.000 seareiros nas redes sociais

martes, 20 de maio do 2014 Redacción

A edición dixital de Sermos Galiza vén de facer reconto do acado ao longo da súa andaina de dous anos, achegando información xeral da nosa terra o máis lonxe posíbel das notas informativas institucionais. Pois ben, segundo contan os responsábeis deste medio (que tamén ten edición en papel), xa contan con 10.048 amigos no seu sitio de Facebook e 10.200 seareiros en Twitter, o que representa un total de 20.248 seguidoras e seguidores. Segundo indican os responsábeis da web, “neste intre é o único medio dixital galego alternativo que supera a cifra de 20.000 seareiros nas redes sociais”.
Este empuxe de Sermos Galiza nas comunidades 2.0 foi especialmente “espectacular” no último ano, un crecemento que foi quen de dobrar as audiencias e mesmo ir máis alá diso. Segundo engaden fontes do medio de comunicación galego, “este bon momento do Sermos Galiza nas redes é paralelo aos esforzos editoriais que estamos a realizar para consolidar o semanario impreso, infelizmente o único en galego neste momento nos quiosques após o desaparecimento sucesivo doutras cabeceiras”.

PUBLICIDADE