SetPay abre o seu sistema de pagamentos ao comercio electrónico

martes, 22 de marzo do 2016 Redacción

A compañía compostelá SetPay comeza a comercializar a súa propia pasarela de pagamentos en liña conectada a través da mesma plataforma co seu servizo de TPV móbil, o que sería a primeira solución española destas características que permite xestionar os cobros dunha tenda en liña e datáfonos dun mesmo negocio a través do mesmo sistema.
SetPay non pertence a ningunha entidade bancaria e converteuse no único operador fintech de España destas características, asegurando o seu director xeral, David Pombar, que “a nosa condición de independentes permítenos establecer unhas tarifas máis flexibles e ao noso xuízo xustas, poñéndonos na pel das PEME e ofrecendo un servizo no que só gañamos se o noso cliente gaña. Pensamos no que nós quereríamos e é esa conversación de ti a ti o que nos fai competitivos fronte aos grandes bancos”.
Esta nova pasarela de pagamentos tamén está preparada para a integración coas principais plataformas de comercio electrónico como PrestaShop ou Magento, a través diferentes engadidos. O servizo ten un custo de 0€ de alta, 0€ de mantemento e 1,49% + 0,19€ por transacción, tarifas moi flexibles con respecto á oferta deste tipo de solucións.
A nova pasarela de pagos en liña de SetPay permite pechar vendas vía móbil e toquenizar os pagamentos con tarxeta, o que supón que os usuarios teñan gardados os seus datos xa para seguintes adquisicións no sistema ou para solicitar pagos recorrentes. Todo iso realízase baixo un cifrado que respecta os máis altos estándares de seguridade esixidos por Visa Europa e Mastercard.

PUBLICIDADE