#SilverBullet17 amosa o que se debe facer (e o que non) á hora de afrontar un proxecto TI
xoves, 11 de maio do 2017
- José Luis Iparraguirre, director de IAL Software Engineering, na súa intervención no congreso do CPETIG
Finalmente
e malia as inclemencias do tempo en Compostela (de especial
intensidade no monte Gaiás, sede da Cidade da Cultura), máis de 150
persoas (entre público asistente, relatores, organizadores,
promotores) participaron no congreso #SilverBullet17
organizado polo CPETIG
(Colexio
Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia)
e a AMTEGA.
O
evento, unha xuntanza de expertos e profesionais intercambiando
información, consellos e recursos sobre as mellores maneiras de
desenvolver un proxecto TI e levalo a bo porto, inaugurouse a
primeira hora da mañá da man de Marcos Mata (presidente do CPETIG)
e Mar Pereira (AMTEGA). Tanto na sesión de apertura coma nas
posteriores fíxose fincapé nos ingredientes imprescindíbeis cos
que debe contar a base dun proxecto TI:
persoas,
tecnoloxías e procesos axeitados. A maiores, cómpre sacar o máximo
proveito da nosa capacidade da anticipación e de análise e, como
sinalou no seu relatorio José Luis Iparraguirre, director de IAL
Software Engineering, dunha
fórmula ben
sinxela,
eficaz e
ao alcance de todo o mundo:
pensar un algo as cousas antes de actuar.
Na
xornada, un éxito en materia de participación e na calidade dos
relatorios e os debates,
os diversos relatores da mañá fixeron
fincapé naqueles
elementos
que, a través da súa experiencia, cumpriría sempre aplicar para
garantir as meirandes posibilidades de éxito no desenvolvemento dun
proxecto tecnolóxico. Cousas como avaliar previamente necesidades e
recursos, ter sempre presente o que quere conseguir ou apostar sempre
por achegar solucións sinxelas aínda que os problemas a resolver
revistan especial complexidade.
Outro
punto no que se fixo fincapé foi o da motivación e o do traballo en
equipo, buscando sempre fórmulas (algunhas previas, outras
aplicábeis no camiño) para sacar o mellor dun grupo de profesionais
e acadar a máxima empatía e capacidade de colaboración e
intercambio de coñecemento.
Estes
e outros puntos foron debullados ao longo da mañá por José Luis
Iparraguirre, director de IAL Software Engineering; Carlos González
Jardón, consultor de Xestión de Proxectos en Tecnocom; Javier
Garzás, mentor áxil e experto en xestión de proxectos e equipos; e
Susana Gómez Carnero, directora
executiva (CEO)
en Origami Soluciones e de
BNI Galicia.
Pola
tarde, logo do xantar, interviñeron
Javier Cebreiros, socio do espazo de innovación social Impact Hub
Vigo e da empresa InfoJC, e
Jaume
Gurt, director de Organización e Desenvolvemento de Persoas en
Schibsted Spain (compañía que xestiona os portais Infojobs,
Fotocasa, Vibbo, Coches.net e MilAnuncios).
A
organización de #SilverBullet17 está enmarcada nas actividades
conmemorativas programadas polo CPETIG con motivo da celebración de
seu X aniversario. Participan como patrocinadoras de #SilverBullet17
as empresas Bahía Software, Balidea, Councilbox, Ednon, Hacce
Conversion&Design
e Plexus.
Inauguración
No
acto de apertura
oficial da xornada,
o
presidente do CPETIG,
Marcos Mata, aproveitou para reivindicar a regulación da profesión
e corrixir a actual situación de exclusión que sufre, derivada do
Real Decreto 1837/2008, que exclúe a Enxeñarías en Informática
das profesións reguladas. Marcos Mata fixo
referencia ao carácter heteroxéneo das
profesións ligadas
aos proxectos TI “para urxir a regulación da informática”. E
engadiu: “Temos hoxe aquí a
enxeñeiros en informática, enxeñeiros industriais ou de
telecomunicacións, dixo, e creo que é un bo exemplo da xusta
reinvindicación de recoñecemento das nosas atribucións, coma son
recoñecidas as dos nosos compañeiros industriais ou telecos,
admitindo a natureza multidisciplinar en ámbitos coma a xestión de
proxectos”.
Mar
Pereira, pola súa banda, avogou no seu discurso por “romper
estereotipos sobre a informática nun intre de desafíos importantes
no que non só a xestión, senón tamén as persoas son
determinantes”. Amais, salientou as oportunidades que se abren con
eventos coma #SilverBullet17, que poñen o foco na variábel da
xestión. Tamén expresou a súa confianza en que a de hoxe sexa a
primeira dunha manchea de edicións deste congreso.