Siniestro Total filma o seu novo videoclip con tecnoloxía 3D
xoves, 17 de febreiro do 2011
- Un intre da rodaxe achegado pola firma responsable do mesmo, 3+D Entertainment
O grupo galego Siniestro Total xa sae estes
días nos buscadores se introducimos a que probablemente sexa a combinación de dúas
letras máis procurada: 3D. O motivo? Pois non é outro que o inminente remate do
primeiro videoclip da banda viguesa usando a dita tecnoloxía de inmersión
audiovisual, rodaxe que vén da man do director Pablo Aragüés (realizador da
serie de Internet Bustamante, uno de los
nuestros, entre outras cousas).
En detalle, estamos a falar dunha das
primeiras experiencias desta índole dentro do panorama musical estatal, tal e
como se sinala estes días dende El
Faro de Vigo e tal e como facía saber, onte mesmo, o propio director do
proxecto, quen quixo reflectir as posibilidades expresivas da tecnoloxía,
ideais para achegar unha fonda sensación de ver e escoitar un concerto en
directo. Trátase polo tanto dunha “esaxeración
da realidade”. De igual maneira que noutros proxectos audiovisuais que xa
chegaron ás pantallas, o vídeo de Siniestro Total precisará da nosa parte que
nos poñamos as lentes polarizadas que se empregan nas salas para as proxeccións
dos filmes en 3D. Detrás deste proxecto atópase a empresa 3+D Entertainment,
que xa está achegando completa información do mesmo no seu blog.
O videoclip resultante titúlase La paz mundial, tema que vén incluído no
último traballo da banda viguesa. A previsión e estrealo cara a vindeira
primavera.