Sinnexus lidera a adaptación ó galego da primeira ferramenta aberta de estratexia de negocio na nosa lingua

xoves, 15 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

Apostar polo software libre semella unha boa alternativa para as empresas galegas que queren facerse un oco no mercado, lonxe das ligazóns, dependencias e influenzas das majors e os programas (até o de agora) dominantes e pechados. Ditou doutro xeito: as fontes libres son unha boa oportunidade de negocio, este tempo que vivimos o axeitado e o galego un inmellorable valor engadido. Así o entende a firma coruñesa Sinnexus, que está a traballar na que ben pode ser a primeira plataforma en galego de software libre para intelixencia de negocio e informática estratéxica: o software Pentaho, unha ferramenta de referencia a nivel internacional.
Este programa de fonte aberta pódese afacer ás necesidades particulares das empresas (precisamente por ter a fonte aberta) e, segundo indican os responsables da adaptación á nosa lingua e da súa distribución en Galiza, inclúe ferramentas como Kettle (para a integración de datos e procesos ETL) ou Mondrian (o motor OLAP), que estarán presentes na versión galega.
Por certo que a nosa lingua será a novena do mundo á que se traduce este software, logo de que se trasladase ó francés, ó español, ó alemán, ó chinés, ó holandés, ó portugués, ó grego e ó ruso. Segundo sinala a empresa Sinnexus, a incorporación do galego é moi temperá (e está que así sexa), posto que vai moi por diante doutras moitas linguas de (teoricamente) meirande peso. Neste intre, o traballo de adaptación aínda non rematou, e a firma anima á comunidade internauta vinculada ó software libre a que colabore nas tarefas. No Foro de Pentaho en galego pódese botar unha man, amais de comprobar o estado do traballo.

PUBLICIDADE