Skype prepárase para abrir ao público a súa tecnoloxía de tradución en tempo real

luns, 15 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Hai un par de anos Microsoft Research deu conta da súa tecnoloxía de tradución de linguaxe natural que permitiría que non só un ordenador puidese recoñecer a voz dunha persoa, traducir as súas palabras e converter a tradución de texto a voz ante un interlocutor que fale outra lingua, senón que este último paso faríase intentando simular os tons das expresións orixinais, conseguindo así unha grande fidelidade que parecía algo máis propios dos tradutores universais que viamos en series de ciencia ficción como Star Trek. Agora que esta tecnoloxía está bastante madura, quere abrirse ao público para permitir a súa evolución, e vai facerse a través de Skype.
Temos así que estes días ábrese o público o programa preliminar de Skype Translator, ao que podemos inscribirnos de balde vía web, e que antes de rematar o ano permitiranos probar a tradución das nosas conversas por Skype entre o inglés e o español de xeito oral e máis de 40 idiomas escritos, comezando esta fase de probas na versión para Windows 8.1 de Skype.
Esta tecnoloxía quere axudar a que persoas de distintos lugares do mundo, que falen distintas linguas, poidan comunicarse dun xeito natural, para colaborar superando os atrancos lingüísticos, e para que poidamos facernos unha idea de como funciona isto, dende Microsoft probaron Skype Translator no Escola Peterson de Cidade de México e na escola de primaria Stafford en Tacoma (EE.UU.), convidando aos nenos a xogar intentando adiviñar mediante preguntas por videoconferencia con que outro lugar do mundo están a falar.
Coas fases de probas de Skype Translator espérase que o sistema vaia adestrándose mediante o propio uso dos usuarios, de xeito que mellorará paulatinamente e irá incorporando novas linguas até que estea listo para lanzarse como un produto final.


Vídeo no que podemos ver a experiencia escolar de Skype Translator

PUBLICIDADE