SmartPEME achega catro novos obradoiros co foco posto na nova publicidade online

luns, 7 de febreiro do 2022 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa de capacitación tecnolóxica SmartPEME, dirixido a persoas autónomas e pequenas e medianas empresas, oferta esta segunda semana de febreiro catro novas accións formativas impartidas de xeito online. As accións tratarán temas como a mercadotecnia a través de correo electrónico, a creación de páxinas profesionais con WordPress ou a promoción a través de Instagram.
O primeiro dos obradoiros será este martes 8 e ensinará ás e aos asistentes a dar os seus Primeiros pasos con Google Analytics 4 da man de Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais, quen realizará unha aproximación á ferramenta para comezar a tirarlle o máximo proveito.
O mércores 9 SmartPEME ofrecerá dous talleres. No primeiro deles Patricia Cabaleiro, posgraduada en turismo con máis de dez anos de experiencia no sector, ensinará a Como sacarlle partido ao Instagram da miña vivenda turística, unha aplicación con máis de 20 millóns de usuarias e usuarios que é toda unha xanela de cara ao exterior para este tipo de establecementos.
O mesmo día Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, impartirá un taller titulado Desenvolve a túa propia estratexia de email marketing que ten como obxectivo facer que as persoas que asisten a el saiban como dar a coñecer as súas mensaxes, produtos e servizos mediante o correo electrónico.
Para pechar a semana o xoves 10 impartirase Crea unha páxina profesional con WordPress I, un obradoiro no que María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, axudará a comprender as posibilidades que ofrece WordPress.

PUBLICIDADE