Smart colaborará na formación ao profesorado do Proxecto ABALAR

venres, 20 de maio do 2011 Redacción

O profesorado galego implicado no Proxecto ABALAR, iniciativa da Xunta para dixitalizar as aulas galegas con equipamento informático e software libre, terá a oportunidade de formarse no emprego de encerados dixitais grazas ao convenio asinado este venres 20 de maio entre a Consellería de Educación, responsable de Abalar, e a empresa Smart. Este convenio asinado ao abeiro de Abalar, que segundo informa a Xunta chegará o curso que vén a máis de 31.000 alumnos galegos de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO, permitirá a formación de 18 profesores que, á súa vez, farán de ensinantes dos mestres que actualmente ou no futuro participen no Proxecto.
A iniciativa, engadiu Educación, potenciará o emprego das ferramentas tecnolóxicas na ensinanza “reforzando con elo a aprendizaxe das materias educativas o que situará a Galicia na cabeceira das comunidades no uso destes trebellos tecnolóxicos dos que xa se instalaron preto de 3.000 en Galicia”.
O convenio asinado entre o Conselleiro de Educación da Xunta, Xesús Vázquez, e o vicepresidente da compañía Smart Technologies, impulsará tamén a posta en marcha de concursos sobre creación de contidos con participación dos nosos centros educativos. Asemade, a Xunta colaborará no desenvolvemento e seguimento do plan de formación, e na xeración de contidos dixitais para a súa posta a disposición do profesorado galego.

PUBLICIDADE