SmartPEME achega ao tecido empresarial de Tui recursos avanzados sobre TIC

venres, 25 de novembro do 2016 Redacción

Dende Código Cero fomos anunciando o espallamento paseniño do proxecto SmartPEME pola provincia de Pontevedra. Desta volta é a quenda de Tui, onte presentábase no edificio da Área Panorámica da vila a dita proposta (substituta do antigo CPAE 2.0) por parte do deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios. SmartPEME quérese facer un oco entre o tecido empresarial de Tui coa finalidade de introducir novas formulacións en materia de estratexia dixital. Estamos perante un novo modelo de servizo encamiñado á mellora competitiva das Pequenas e Medianas Empresas (PEME), persoas emprendedoras e autónomas na procura dunha mellora nas vendas e nas tarefas, abrindo camiños de actuación para chegar aos e ás emprendedoras, ás asociacións empresariais e aos axentes de dinamización en concellos. Todo iso empregando as Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) e as novas tecnoloxías (redes sociais, comercio electrónico…).
De falarmos de vantaxes, cómpre salientar a estratexia personalizada e a especialización de cada unha das oficinas segundo os sectores máis introducidos no tecido empresarial de cada territorio.
Lembrar que nas oficinas de SmartPEME do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo estanse a pór en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores e asesoras, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
Alén disto, SmartPEME, que serve tamén de punto de unión cos concellos, ofrece axudas ás PEME e persoas emprendedoras e autónomas en aspectos como a elección do market place máis axeitado, un acompañamento durante o proceso de introdución do comercio electrónico, consellos sobre as ferramentas axeitadas para mellorar a produtividade e a resolución das dúbidas sobre as TIC que poidan ter estas persoas.

PUBLICIDADE