SmartPEME achegará servizos de asesoramento no novo Centro de Coworking de Ponteareas

mércores, 20 de decembro do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra prestará servizos de asesoramento empresarial no novo Centro de Emprendemento, Dinamización Empresarial e Coworking, inaugurado esta mesma semana pola alcaldesa de Ponteareas e tamén deputada provincial, Nava Castro, e o deputado Alejandro Lorenzo, no edificio número 13 da praza Maior de Ponteareas. O asesoramento materializarase a través do programa de dixitalización e formación SmartPEME. En palabras da Deputación, o Centro de Coworking de Ponteareas é “unha oficina moderna, nun edificio que foi reformulado por completo para que a veciñanza da vila con proxectos emprendedores poida facer realidade os seus soños”.
A través da oficina SmartPEME de Ponteareas, a Deputación de Pontevedra proporcionará “información e asesoramento gratuíto a persoas autónomas, pemes e emprendedores de Ponteareas e da súa contorna”.
SmartPEME conta nestes momentos cunha rede de sete oficinas situadas, ademais de en Ponteareas, en Pontevedra, Vigo, Cambados, O Porriño, Lalín e Barro. As súas principais liñas de atención aos usuarios céntranse “na formación gratuíta en novas tecnoloxías da información, en materia de dixitalización do sector turístico a través de TurisTIC, ou en ciberseguridade, en Intelixencia Artificial e na análise de información a gran escala (Big Data) Ademais conta cun laboratorio equipado coas últimas novidades do mundo da fabricación dixital e organiza accións para fomentar o emprendemento e a competitividade como aceleradoras empresariais.
Facendo un algo de balance, dende que a institución provincial puxo en marcha o servizo, SmartPEME atendeu no conxunto da provincia de Pontevedra a 2.212 empresas, realizou 2.123 obradoiros e organizou diferentes actividades nas que participaron 22.500 persoas.

PUBLICIDADE