SmartPEME enche o ecuador de outubro cun novo paquete de obradoiros en liña

martes, 13 de outubro do 2020 S. P.

Segue adiante a actividade da rede de capacitación dixital SmartPEME, habilitada pola Deputación de Pontevedra para contribuír á transformación tecnolóxicas de empresas, autónomos e profesionais. Segundo fixo saber a entidade provincial, responsábel da rede, esta metade do mes de outubro vén cun novo paquete de cursos informáticos que, por mor da actual situación sanitaria, seguirán tendo formato online. Serán, a desenvolver dende este martes 13 até o venres 16 de outubro, seis novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática.
As accións versan sobre Pinterest, sobre como vender online, sobre plataformas para crear tendas en liña, sobre xestión e comercialización de vivendas turísticas, sobre debuxo con Onshape e sobre WhatsApp Business.
En concreto, o martes Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresarias e especializada en márketing e dirección comercial, impartirá o obradoiro Aprende a promocionar a túa empresa con Pinterest. Ao día seguinte, 14 de outubro, será a quenda de dúas novas accións: Como vender os teus produtos nun marketplace, a cargo de María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e postgraduada en Comunicación Corporativa, e Descobre plataformas para crear de maneira sinxela a túa propia tenda en liña, impartida por Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas e postgraduada en Dirección de Comunicación Corporativa.
Na xornada do xoves tamén están previstas dúas accións: a técnica de Empresas e Actividades Turísticas Sonia Torres desenvolverá Xestión e comercialización de vivendas e apartamentos turísticos e Manuel Freire, experto universitario en robótica, impartirá o obradoiro Debuxo con Onshape. Part Studio III. Por último, o venres 16 levarase a cabo Así funciona WhatsApp Business, a cargo do enxeñeiro informático José Luis Taboada.

PUBLICIDADE