SmartPEME incrementa os seus asesoramentos TIC nun 50%

luns, 28 de agosto do 2017 Redacción

A rede SmartPEME, iniciativa da Deputación de Pontevedra para achegar a formación TIC aos emprendedores e autónomos da provincia, incrementou a súa actividade e o seu potencial de convocatoria en preto dun 50% ao longo dos últimos doce meses. Este medre, segundo sinalan fontes da entidade provincial, é aplicábel tanto ao número de persoas que se formaron a través dos obradoiros da rede como á cifra de empresas e participantes ás que se lles realizaron asesoramentos. Todo isto tradúcese en 3.266 profesionais formados en novas habilitades TIC entre xullo de 2016 e xullo de 2017, o que representa un incremento do 45,5 % respecto ao ano anterior, a través dos obradoiros semanais.
Ademais, un total de 1.766 pequenas e medianas empresas, persoas autónomas e persoas emprendedoras recibiron asesoramentos do equipo de profesionais de SmartPEME entre xaneiro e xullo de 2017, o que supón un incremento do 48 % respecto ao período anterior.
Segundo explica a Deputación, esta mellora ten en boa medida o seu punto de partida no “aumento do catálogo de servizos que lles presta o programa da Deputación de Pontevedra aos usuarios e usuarias”, o que se traduciu na incorporación recente de novas ferramentas como a posibilidade de realizar asesoramentos a través de videochamadas, “evitando desprazamentos e favorecendo que as persoas autónomas con horario comercial e coincidente co do asesoramento de SmartPEME poidan realizar as súas consultas”.
Por outra banda, a Deputación creou (ao abeiro do programa formativo) o servizo SmartPEME Conecta, que establece colaboracións coas principais asociacións do sector e que permite buscar provedores TIC a través “da creación de perfís cegos” para así “dar solucións ás necesidades ás que o programa non pode dar cobertura, con provedores locais de solvencia e xerando riqueza no sector da provincia”, explicou o goberno da entidade provincial, engadindo a importancia vindeira dun novo paquete de solucións TIC para persoas emprendedoras que estará axiña dispoñíbel a través da páxina web do programa. Segundo explica a Deputación, este guieiro presentarase adaptado a cada unha das fases do proxecto de emprendemento (inicio, en trámites de constitución e coa actividade comezada) e recollerá un conxunto de ferramentas escollidas especificamente para que “a implantación do seu uso sexa doada e rápida e cunha predominancia de programas libres e de uso gratuíto”.
A Deputación tamén lembra que SmartPEME ten realizado máis de 30 reunións de traballo cos axentes implicados: en primeiro lugar cos concellos, buscando que se convertan en protagonistas activos de cara ás empresas de cada unha das vilas da provincia e, en segundo lugar, co tecido asociativo sectorial e distintas entidades, dándolle voz ao tecido empresarial para chegar aos seus e ás súas asociadas e tamén pensando nas propias asociacións como usuarias potenciais.
Recordar que SmartPEME é un modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pequenas e medianas empresas e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das súas tarefas. “Este proxecto”, explica a institución que preside Carmela Silva, “abre novos eidos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos”.
Para o seu desenvolvemento, os asesores e asesoras TIC das oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo póñense en marcha itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE