SmartPEME móstranos esta semana como mellorar a nosa posición en buscadores

luns, 7 de marzo do 2022 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través da rede SmartPEME para a capacitación tecnolóxica de empresas e persoas autónomas da provincia, oferta esta próxima semana catro novas accións formativas impartidas de xeito online. Tocaranse temas relevantes como a tecnoloxía de cadea de bloques (blockchain), a elección de palabras clave para mellorarmos a nosa posición nos buscadores ou a edición de fotografías.
As actividades comezarán o martes 8 cun obradoiro titulado Aprende a elixir as palabras clave para a túa estratexia SEO e SEM, no que Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas, falará da importancia do posicionamento na rede e as palabras chave.
Para o mércores 9 hai programados dous talleres. Co primeiro deles, titulado Blockchain, metaverso, Manuel Freire, experto universitario en robótica, pecha o ciclo de obradoiros informativos sobre a tecnoloxía blockchain falando do metaverso, como se intúe que será, para que vai servir e o seu estado actual.
O outro obradoiro programado para este día versará sobre os Motores de reservas para empresas turísticas. Nel, Sonia Torres, técnica en Empresas e Actividades Turísticas, explicará que é un motor de reserva e un channel manager. Ademais, dará a coñecer as vantaxes de dispor dun sistema de reservas e dispoñibilidade online para o sector turístico aportando exemplos.
Os obradoiros rematarán o xoves 10 cunha sesión formativa completamente práctica impartida por Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos e de Deseño Gráfico. Baixo o título de Edita as túas fotografías co teu teléfono móbil: Snapseed, as persoas asistentes coñecerán de preto unha ferramenta de edición fotográfica con múltiples posibilidades.

PUBLICIDADE