SmartPEME remata febreiro con seis novos obradoiros para autónomos, pemes e profesionais

martes, 23 de febreiro do 2021 S. P.

A rede SmartPEME da Deputación de Pontevedra segue adiante esta última semana de febreiro coa súa actividade formativa, adaptada plenamente ao contexto online e en substitución das sesións presenciais organizadas (antes da pandemia) nos diferentes puntos da rede na provincia de Pontevedra. Desta volta temos que falar de media ducia de accións formativas en liña, enmarcadas novamente na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática.
As accións versan sobre xestión administrativa 4.0, técnicas e composicións en fotografía, técnicas de marketing, audiomarketing, impresión 3D e mellora da produtividade.
En concreto, este martes 23 impartiranse os obradoiros Xestión Administrativa 4.0: Sinatura Dixital e Facturación Electrónica, a cargo de Daniel Cerqueiro, licenciado e doutor en Ciencias Físicas e, por outra banda, Técnica e Composición en Fotografía, da man de Laura Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico.
O mércores 24, Sonia Torres, técnica no sector turístico, impartirá Técnicas de Marketing para a Promoción de Tours, Experiencias e Actividades, dirixido a empresas turísticas que inclúen diversos servizos de ocio e entretemento para persoas viaxeiras, turistas e para a poboación local.
No mesmo día, Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas, impartirá o obradoiro Audiomarketing: Crea e Diferénciate da Competencia cos Podcast, onde falará da utilidade desta ferramenta.
O xoves 25, será a quenda de Impresión 3D VII : Laminador Cura III a cargo do experto en robótica Manuel Freire, quen dará continuidade ao obradoiro impartido semanas anteriores. Para finalizar, o venres 26, falarase da Mellora a túa Produtividade con Trello e outras Aplicacións, onde Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, afondará nesta ferramenta e en como xestionar o noso traballo desde a casa.

PUBLICIDADE