SmartPEME saúda a chegada de outubro con cinco obradoiros online

luns, 28 de setembro do 2020 S. P.

Continúa a actividade da rede de capacitación dixital SmartPEME, habilitada pola Deputación de Pontevedra para contribuír á transformación tecnolóxicas de empresas, autónomos e profesionais. Segundo fixo saber a Deputación, responsábel da rede, este punto de inflexión entre setembro e outubro vén cunha nova remesa de cursos informáticos que, por mor da actual situación sanitaria, seguirán tendo formato online. Serán, a desenvolver dende este luns 28 até o venres 2 de outubro, cinco novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática.
As accións versan sobre deseño de páxinas web con Elementor, o uso de Twitter para potenciar a marca, a fotografía de produto e o debuxo con Onshape, así como as medidas para confrontar o coronavirus nos establecementos turísticos.
Máis polo miúdo, o luns Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas e posgraduada en Dirección de Comunicación Corporativa, impartirá o obradoiro Deseña a túa páxina web de maneira sinxela con Elementor. Ao día seguinte están previstas dúas accións: a experta en Publicidade e Relacións Públicas Fátima Faílde desenvolverá Potencia a túa marca con Twitter e Laura Taboada, titulada Superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, impartirá o obradoiro Fotografía de produto para a túa tenda en liña ou e-commerce.
Para o mércores 30 hai programada unha actividade sobre Medidas para confrontar o coronavirus nos establecementos turísticos, que ofrecerá Mariana Rosa, técnica superior en Axencias de Viaxes e Xestión de Eventos e graduada en Turismo. E o xoves 1 de outubro o experto universitario en robótica Manuel Freire impartirá o obradoiro Debuxo con Onshape. Part Studio I.

PUBLICIDADE