Snail Games presenta as súas propias consolas de videoxogos baseadas en Android

luns, 5 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Unha compañía especializada en videoxogos para móbiles, Snail Games, está a sorprender cunha liña de dispositivos no CES de Las Vegas, que pretenden achegar controis tradicionais aos xogos móbiles, así como atreverse a desenvolver unha consola doméstica baseada en Android.
A OBox sería a curiosa consola doméstica de Snail Games, baseada nun procesador nVIDIA K1, que estaría dispoñible en diferentes configuracións como capacidade de disco de entre 500 GB e 4 TB e distintos conectores, aínda que ao ser un trebello modular podería ser actualizado polo propio usuario. Tamén sería capaz de entregar vídeo en 3D e en 4K, o que agradecerán os que teñen televisores con esta tecnoloxías.
Máis curioso pode ser o smartphone W 3D, que podería definirse como unha fusión entre un teléfono con Android e unha PS Vita, a que estamos ante un smartphone con pantalla 3D de 5,5 polgadas, procesador MediaTek de 8 núcleos a 2,2 GHZ, Bluetooth 4.0 e LTE, que integra unha serie de controis físicos (4 botóns normais, 2 mandos analóxicos, 1 cruceta e 4 botóns na súa parte superior).
Estes trebellos chegarán ao mercado chinés no segundo trimestre do ano, e aos EE.UU. no terceiro trimestre (do mercado europeo aínda non sabemos datas) e polo momento non desvelan os prezos finais, que poderían estar entre os 99 e os 499 dólares en función da configuración de cada unha destas consolas con Android.

PUBLICIDADE