Só devolveron o 1,6% das copias vendidas de Cyberpunk 2077

venres, 23 de abril do 2021 Marcus Fernández

O lanzamento de Cyberpunk 2077 foi un dos máis polémicos dos últimos anos, xa que o xogo estaba moi lonxe de ser un produto final cando se puxo á venda, o que levou a que tivesen que aceptar devolucións e incluso provocou que o retirasen da PlayStation Store ante a previsible problemática que causarían as solicitudes de devolución dos cartos.
Pero a sensación de escándalo que pode levar calquera xogador que viva con intensidade a súa afección non parece corresponderse co sentir xeral da poboación, ou iso podemos deducir ao coñecerse a presentación dos resultados do ano fiscal 2020 por parte de CD Projekt Red, compañía polaca que recoñece ter vendido 13,7 millóns de copias de Cyberpunk 2077 en 2020.
As contas da compañía recoñecen a Cyberpunk 2077 como o seu meirande xogo, e baseándose nos datos publicados podemos estimar que o número de unidades do xogo que completaron a súa devolución sería dunhas 215.000 unidades, aproximadamente o 1,6% do total de unidades vendidas, de xeito que seguen a ser moitos os xogadores que poden tolerar os fallos do xogo e confían en que vaian corrixíndose co tempo, á vez que gozan da experiencia que aporta.
En calquera caso, dende CD Projekt Red aseguran ten aprendido a lección, pois aínda que a taxa de devolucións fose moi baixa, a retirada da PlayStation Store do xogo seguro que provocou unha redución de ingresos máis que considerable, situación que sen dúbida non queren que se repita.

PUBLICIDADE