Soben as consultas por Internet nas bibliotecas da nosa terra

xoves, 30 de abril do 2020 S. P.

En parte pola evolución tecnolóxica e en parte por un cambio de hábitos que non ten relación directa coas pandemias e a necesidade de reducir a actividade presencial, as rutinas das galegas e galegos en relación coas bibliotecas van mudando cada ano, orientándonos cara a un panorama onde se rexistran cada vez menos empréstamos pero no que medran as visitas, o libro electrónico e máis as consultas por Internet. Son datos que figuran no último documento de traballo do Observatorio da Cultura Galega (As bibliotecas en Galicia), servizo dependente do Consello da Cultura Galega. Este documento, que obtén datos do Ministerio pero tamén da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, ofrece unha radiografía de como é a realidade deste tipo de espazos.
O informe lémbranos que a nosa Comunidade conta con 476 bibliotecas, que son o 7,4% do total de España, o que nos sitúa nunha posición moderadamente boa en presenza de centros de préstamo e lectura: a oitava posición. Este dato, sinálase no estudo, podería ser aínda mellor se non se tiveran perdido case medio cento de bibliotecas dende o ano 2010. “Con todo”, engádese, “o número de bibliotecas en Galicia por cada 100.000 habitantes é superior á media estatal (17,6 fronte a 13,8)”.
Hábitos e uso
O informe guinda datos positivos no que se refire a uso e presenza comunitaria destes centros. De feito, dise que “en 2018 volveu rexistrarse unha tendencia á alza do número de usuarios e usuarias de bibliotecas, despois de que no período anterior (entre 2012 e 2016) se reducira”. Nese ano rexistráronse 994.195 persoas que empregan as bibliotecas.
Como dixemos, o documento de Traballo constata un descenso no número de prestamos das bibliotecas, que continúa á baixa desde 2012, pois pasouse de 3.757.359 nese ano a 3.151.167 en 2018. No entanto, medran as consultas por Internet, “aínda que a un ritmo moi baixo”.


PUBLICIDADE