Sony cobra por publicar contidos na PlayStation Network

luns, 23 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Entre a Xbox 360 e a PlayStation 3 existe unha gran diferenza entre os seus servizos en liña, pois o de Microsoft é principalmente de pago (os usuarios de balde teñen un acceso moi limitado) mentres que Sony vén defendendo tradicionalmente un modelo gratuíto de explotación, o que utiliza como argumento comercial, pero que agora vai matizar, xa que dende o pasado mes de outubro a compañía cobra ás empresas que publican contidos na PlayStation Network 16 céntimos por cada gigabyte transferido, que nas demos e contidos de balde só se aplicaría os primeiros 60 días (e de xeito indefinido para os contidos de pago) o que non parece gustar ás distribuidoras de xogos, pois agora teñen que contar nos seus orzamentos esta variable que podería levar á diminución de contidos para os usuarios da PS3 pois, aínda que a cantidade a pagar pareza ridículo, non debemos esquecer que as versións de demostración de moitos xogos superan o gigabyte de datos, e algúns títulos acumulan millóns de descargas, polo que as cantidades a pagar son considerables (e no caso da plataforma de Microsoft recae sobre os petos dos usuarios).
Pese a que este cambio de política de Sony leva preto de medio ano aplicándose, non chegara ao coñecemento público, e foi confirmado por MTV Multiplayer, aínda que dende a publicación aseguran que varias editoras recoñeceron a situación (baixo a condición de quedar no anonimato), o que podería xogar en contra do usuario, xa que para as compañías xa supón un custo importante elaborar versións de demostración dos seus xogos, e ter que asumir gastos adicionais pola súa publicación para PS3 podería ser un atranco para títulos que non agarden unha vendas millonarias.
De todos os xeitos, hai que admitir que para Sony o tráfico de Internet non sae de balde, e manter os seus servidores sen cobrar aos seus usuarios directamente ten serias repercusións económicas e de servizo. Non é de sorprender así que os xogadores en rede máis activos estean encantados de pagar por Xbox LIVE por ser plataforma de xogo estable (de aí que sexa o sistema de xogo en rede máis utilizado a nivel mundial), mentres que as críticas da experiencia de xogo na PlayStation Network son moi duras.

PUBLICIDADE