Sony dá máis detalles da intrusión na PSN

xoves, 28 de abril do 2011 Marcus Fernández

O fallo de seguridade que levou á PlayStation Network a quedar fóra de servizo dende o pasado día 20 segue a dar que falar, pois a confirmación por parte de Sony de que padeceran unha seria intrusión no seu sistema que puido comprometer os datos persoais dos 77 millóns de usuarios de PSN avivou os rumores sobre as repercusións do que nun principio parecía unha caída do servizo e que agora parece un asunto moito máis preocupante.
As repercusións que pode ter a filtración masiva de información dos usuarios poden ser moi graves, xa que estes datos poden empregarse para suplantar identidades, con consecuencias económicas considerables, de aí que dende Sony estean a dar máis detalles sobre o asunto. Polo momento detallan que continúan a investigar o acontecido para perseguir aos responsables do ataque, aseguran que a información dos datos persoais estaban protexidos pero non encriptados, aínda que no caso dos datos de tarxetas de crédito a encriptación si estaba presente e polo momento non determinaron se esta última información fose subtraída, aconsellan moito coidado co phishing nos vindeiros días e lembran aos usuarios que queiran saber cal das súas tarxetas de crédito estaba asociada á PSN (para cancelala como media de precaución) poden consultar os 4 primeiros e últimos números das mesmas nunha mensaxe de correo electrónico que recibiron no seu momento do enderezo DoNotReplay@ac.playstation.net. De cara ao futuro aseguran que están a mellorar a seguridade dos seus sistemas e agardan que a PlayStation Network volva a estar operativa a primeiros da semana que vén, algo que agardarán con impaciencia non só os usuarios que gusten do xogo en liña, senón tamén os que empreguen servizos como NetFlix ou Hulu Plus, que chegaban a moitos fogares a través da PS3, polo que este incidente tamén está a ter claras repercusións para terceiras empresas que teñen parte dos seus negocios dependentes da infraestrutura de rede de Sony para chegar ao seu público.
Problemas para os usuarios de Xbox LIVE
Dende Microsoft tamén están a advertir aos usuarios do xogo Modern Warfare 2 dun ataque de phishing que está a ter lugar estes días, e en contraste co incidente de Sony, neste caso informouse aos usuarios case ao momento, mentres que a empresa nipona demorou as advertencias unha semana (práctica que, ao involucrar datos dos usuarios, considérase moi irresponsable).

PUBLICIDADE