Spin2016 amosará ao mundo a nosa nova e puxante remesa de proxectos TIC

mércores, 20 de xullo do 2016 Fernando Sarasketa

Spin2016, a gran xuntanza da tempada sobre emprendemento universitario (con alcance internacional), vén de coller pulo para acadar a máxima repercusión e o meirande número de proxectos innovadores convertidos en realidades de mercado. Así o fixeron saber a Universidade de Santiago, a Xunta e máis RedEmprendia, que asinaron un acordo de colaboración para o impulso e fortalecemento da dita cita. No acto celebrado en Santiago participaron os conselleiros de Cultura e Economía, Román Rodríguez e Francisco Conde; o reitor da USC, Juan Viaño; a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González; o director xeral do IGAPE, Javier Aguilera; e o director xeral de RedEmprendia, Senén Barro; así como os emprendedores galegos seleccionados no programa Model2Market de Spin2016. Entre os proxectos destes emprendedores fomos quen de albiscar, grazas a iniciativas como CloudDADIS ou Cogomelo Games, o futuro inmediato do noso tecido tecnolóxico-dixital.
Segundo lembraron os participantes no acto, Spin2016 é un evento organizado pola rede universitaria RedEmprendia coa colaboración da USC, a Xunta de Galicia, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e Banco Santander a través de Santander Universidades. A día de hoxe, xa presentaron as súas candidaturas máis dun milleiro de emprendedores de 20 países para participar nos seus programas de apoio.
Respecto a Model2Market, deseñado ao abeiro de Spin2016 para axudar a quen está a piques de crear unha empresa, no acto recordouse que xa se presentaron 464 candidaturas de 12 países. Román Rodríguez amosou a súa satisfacción polo feito de que sete proxectos emprendedores saídos das universidades galegas (cinco da USC e os outros dous da UDC e UVigo) figuren entre os 100 semifinalistas de Model2Market. Tamén expresou a súa confianza en que eses sete logren clasificarse para a fase final e estean entre os 30 que competirán en Santiago polos 100.000 euros en premios que se distribuirán durante Spin2016. Os semifinalistas recibiron asesoramento do IC 2 Institute da Universidade de Texas para perfeccionar os seus proxectos de cara á selección final.
A continuación damos conta destes sete proxectos galegos semifinalistas en Model2Market: CloudDADIS (procedente da USC, trátase dun proxecto que propón solucións tecnolóxicas que integren datos de observación ambiental de fontes heteroxéneas para reforzar a toma de decisións ou a resolución de emerxencias), Cogomelo Games (con orixe na UDC, é un estudo de desenvolvemento de videoxogos para plataformas móbiles que integra aos usuarios no proceso de creación dos seus xogos, foi premiado polo programa Yuzz no ano 2015), GenDR (procedente da USC, é un proxecto que busca a creación dunha empresa de servizos de farmacoxenética que axuden a predicir a resposta das persoas a determinados medicamentos, permitindo identificar e minimizar os efectos secundarios de moitos deles), Greenaquaculture (chegando da USC, é unha iniciativa que busca ofrecer un servizo de depuración-reutilización de augas residuais procedentes da acuicultura a través de sistemas de cultivo integrado de animais acuáticos e plantas, nos que as bacterias nitrificantes transforman o amonio excretado polos animais facéndoo asimilábel para as plantas que filtran a auga), LACTEAL (proxecto con orixe na USC para a produción e comercialización de suplementos minerais de orixe natural a base de macroalgas das costas galegas), MeetLab (con raizames na USC, esta iniciativa propón unha tenda en liña de servizos de biotecnoloxía na que os científicos e investigadores usuarios poidan atopar un catálogo de provedores organizados por eidos científicos, prezo, localización xeográfica, opinións de usuarios anteriores e máis información que simplifique as decisións de contratación destes servizos) e Red Hot Line (dende a UVigo, é un proxecto que busca ofrecer servizos de apoio xurídico integral para organizacións e empresas, identificando os riscos penais/xurídicos aos que se enfrontan polo tipo de actividade que desenvolven e ofrecendo unha planificación e atención personalizada para mitigalos).
No que respecta a outras das liñas de traballo de Spin206, o programa de aceleración e foro de investimento SmartMoney4Stars, na sinatura do acordo fíxose saber que recibiu 114 solicitudes de novas firmas universitarias (cinco delas das universidades galegas) co obxectivo de atopar o capital preciso para medrar.
O conselleiro de Economía salientou que SmartMoney4Stars traerá por primeira vez a Galicia os principais fondos de investimento, capital risco, business angel e aceleradoras de negocios de Iberoamérica. Entre eles, NXTP Labs, a aceleradora máis importante de Arxentina; Xcala, a rede de business angel máis grande de América Latina e o Caribe; o Performa Investimentos, fondo brasileiro que xestiona máis de 480 millóns de dólares de capital.
En setembro coñecerase a axenda completa do evento Spin2016, con máis de 2.000 asistentes e 50 relatores do mundo da ciencia, a cultura, os negocios ou a universidade.
A asistencia a Spin2016 é de balde e a inscrición pode realizarse a través de registro.spin2016.org. Nesta edición, Spin2016 conta co patrocinio principal da Xunta de Galicia e Santander Universidades, ao que se suman o doutras entidades e empresas como a Fundación EY, Indra, Google, Gas Natural Fenosa, Hijos de Rivera, Clarke, Modet & Co., Iberia e a Deputación de A Coruña, contando ademais coa colaboración de máis de medio cento de organizacións públicas e privadas e universidades.

PUBLICIDADE