Spotify chega oficialmente ao Apple Watch

martes, 13 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Un par de semanas atrás filtrouse que Spotify tiña en probas a agardada aplicación para o Apple Watch, curiosamente un dos poucos smartwatches dunha marca recoñecida sen soporte do servizo de reprodución musical, e pouco tardou en espallar tal aplicación a todos os usuarios, xa que a última actualización de Spotify Music para iOS incorpora por fin soporte para Apple Watch.
Cómpre salientar que, mentres a aplicación para, por exemplo, o Samsung Galaxy Watch, inclúe funcionalidades como a reprodución de contidos fóra de liña (ou sexa, que permite empregar Spotify no reloxo sen ter que levar o smartphone enriba) esta primeira aplicación para Apple Watch é moito máis limitada, e só permite o uso de Spotify como mando a distancia da aplicación do smartphone, o que cubre a necesidade dun bo número de usuarios, pero decepciona especialmente aos que gozan da versión LTE do Apple Watch (que perseguen principalmente poder saír da casa sen cargar co teléfono), aínda que dende Spotify aseguran que xa están a traballar no funcionamento fóra de liña.
Dado que estamos ante unha aplicación para un reloxo, ou sexa, para unha pantalla de tamaño reducido, non se persegue unha experiencia de uso completa, senón que limítase a un control áxil e directo, que permita saltar cancións, rebobinar 15 segundos nun podcast para escoitar mellor un comentario ou acceder á última música reproducida. Unha aplicación minimalista e efectiva, que segundo vaia evolucionando achegarase a unha experiencia superior á que podiamos ter cun iPod, xa que desta volta o sistema pode alimentarse do motor de recomendacións de Spotify, que xera listaxes de reprodución á nosa medida, achegando unha oferta musical máis rica e variada que se nos limitásemos á música estaticamente almacenada nun reprodutor multimedia tradicional.

PUBLICIDADE