Spotify comeza a amosar os autores e produtores dos temas musicais

venres, 2 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Unha longa reivindicación por parte dos artistas por fin vese atendida, e a aplicación de escritorio de Spotify estrea sección de créditos de xeito que os compositores das cancións aparecen reflectidos en cada tema. Para ver a relación de autores dun tema chega con premer sobre a pista musical co botón dereito do rato e premer na opción de Amosar Créditos para poder ver os nomes dos intérpretes, os compositores e os produtores dos temas.
Polo momento esta información amosada en Spotify provén dos selos discográficos, e tamén indicarán a fonte desta información, xa que dende Spotify son conscientes de que é moi incompleta, polo que aseguran que estamos só ante un primeiro para un mellor recoñecemento da autoría nesta plataforma musical.
Dende Spotify aseguran que esta novidade busca dar unha maior visibilidade aos compositores e produtores musicais, e sosteñen que canta máis información se comparte maiores son as oportunidades para estes profesionais do sector musical, que merecen un recoñecemento polo seu traballo e, de feito, levan bastante tempo loitando por ser mellor tratados polas plataformas de streaming musical.

PUBLICIDADE