Spotify permite visualizar as letras de boa parte das cancións do seu catálogo

xoves, 18 de novembro do 2021 Marcus Fernández

A que probablemente é a prestación máis demandada historicamente a Spotify por fin é realidade de xeito global a partir de hoxe mesmo: a posibilidade de ver as letras das cancións durante a súa reprodución. Para facer iso posible Spotify chegou a un acordo con Musixmatch, compañía que achega as letras dos temas musicais, que nalgúns casos están sincronizadas liña a liña e noutros casos achégase de xeito estático, pero en calquera caso facilita a lectura das letras de millóns de cancións tanto para usuarios de pagamento como para usuarios de balde de Spotify.
A nova prestación está xa activa en dispositivos móbiles, no escritorio, en televisores e en consolas de videoxogos; e no caso de dispositivos móbiles tamén permite premer no botón de compartir para poder elixir logo las liñas da letra da canción que esteamos a escoitar facilitando a súa publicación en Twitter, historias de Facebook, historias de Instagram e WhatsApp, o que pode mellorar a conexión do público coa música, así como afondar no significado que agocha cada canción.

Nas listaxes de reprodución de Spotify indícase que cancións teñen a súa letra dispoñible

PUBLICIDADE