Spotify supera os 60 millóns de subscritores

martes, 1 de agosto do 2017 Marcus Fernández

O pasado mes de marzo Spotify presumía de ter superado a barreira dos 50 millóns e subscritores, e vese que a actual promoción na que ofrecían 3 meses de subscrición por 0,99 euros conseguiu captar a moitos usuarios de pagamento, porque en moi poucos meses conseguiron mellorar considerablemente as súas cifras, e agora dan conta de ter superado os 60 millóns de subscritores de pagamento.
Non só teñen un volume moi importante de subscritores, senón que tamén manteñen un bo número de usuarios de balde, de xeito que no mes de xuño tiñan rexistrados máis de 140 millóns de usuarios activos en 60 países que teñen acceso a un catálogo de máis de 30 millóns de cancións.
Estes bos resultados están a reactivar os rumores de que a finais de ano poderiamos ver como Spotify sae ao mercado bolsista, aproveitando así o seu rápido crecemento e a súa posición líder no sector (o seu principal competidor, Apple Music, aínda está a bastante distancia cuns máis que significativos 27 millóns de subscritores).

PUBLICIDADE