Stan Lee poderá xogar a ser Spider-Man no seu vindeiro videoxogo

mércores, 9 de maio do 2012 Marcus Fernández

Stan Lee terá os poderes de Spider-Man nunhas misións do xogo

O vindeiro 29 de xuño chegará a Europa o xogo The Amazing Spider-Man, baseado na película cinematográfica que leva o mesmo nome e que chegará aos cines o 6 de xullo, pero este xogo, que contará con versión para PC, PlayStation 3, Xbox 360, Wii, Nintendo DS e Nintendo 3DS, parece que quere chegar facendo ruído, e non conforme con ter unha superprodución como apoio, vén de sorprender a medio mundo anunciando que contará coa aparición máis absurda de Stan Lee que puidemos ver ata o momento, pois o co creador do Home Araña, presente a xeito de cameo en case todas as películas da Marvel (e moitos outros produtos audiovisuais) desta volta contará cunha serie de misións nas que terá os poderes de Spider-Man.

As reservas do xogo nalgúns establecementos premiarase cunha misión na que enfrontarse ao brutal Rhino

Stan Lee deberá balancearse por toda a cidade na procura das páxinas dun manuscrito perdido, enfundado nun traxe de executivo, que dista moito da aparencia do trepamuros, o que de seguro que causará a risa de moitos seareiros deste autor que quedarán impresionados ao ver que aos seus 89 anos é capaz de tales acrobacias.
De todos os xeitos, tal misión non estará dispoñible en todas as copias do xogo, senón só nas adquiridas en certos establecementos (que no caso de EE.UU. será Amazon), táctica habitual para premiar as reservas de xogos. Quen merque o título nas tendas de GameStop, pola contra, recibirán unha misión na que aparecerá Rhino.

PUBLICIDADE