Starfield chega a Game Pass

martes, 5 de setembro do 2023 Marcus Fernández

Os xogos que se incorporan ao catálogo de Game Pass estes días son especialmente relevantes, non só porque supoña que o fermoso xogo español GRIS chegue a partir de hoxe a millóns de usuarios de todo o mundo, ou porque o día 14 chegue Solar Ash e o 19 Lies of P, senón polo feito de que entre estes xogos figura Starfield, o título máis ambicioso de Bethesda Softworks en varios anos, e un dos grandes exclusivos en consola de Xbox.
Starfield, que xa conta con algúns xogadores dende o pasado venres, sae oficialmente este mércores para Xbox Series X|S, PC e xogo na nube, abrindo as portas do primeiro novo universo creado por Bethesda (creadores de The Elder Scrolls: Skyrim e Fallout 4) nos últimos 25 anos. Falamos dun xogo de rol de nova xeración, que permite crear un personaxe co que logo explorar numerosos planetas nunha viaxe épica na procura do meirande misterio da humanidade.
O xogo está ambientado no ano 2330, e nel teremos que unirnos a Constelación, o último grupo de exploradores espaciais en busca de raros artefactos por toda a galaxia, viaxando pola grande extensión do espazo no meirande xogo creado por Bethesda.

PUBLICIDADE