Starlink: máis preto e máis caro

venres, 7 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

O servizo de acceso á Rede mediante satélites de baixa altura promovido por SpaceX, Starlink, tiña previsto abandonar a súa fase de probas o pasado mes de outubro, polo que para moitos usuarios en residencias afastadas abríase unha nova opción para gozar de banda larga aínda que fose a un prezo elevado.
O despregamento internacional de Starlink continúa a realizarse, ofrecendo conexións de alta velocidade e baixa latencia por todo o planeta, con cada vez máis áreas de cobertura, e finalmente o servizo está comercialmente dispoñible dende España de xeito limitado en función da nosa localización (en Galicia parece haber boa cobertura). Aseguran que neste momento ofrece conexións de entre 100 e 200 Mbps, aínda que con breves períodos sen conectividade, en boa medida porque a frota de satélites aínda é bastante reducida, polo que segundo vaian incrementado o número de satélites no espazo, instalen máis estacións terrestres e melloren a súa rede, o servizo conseguirá mellores taxas de transferencia, menor latencia e un tempo de actividade superior.
Dende a páxina web de Starlink xa podemos solicitar o seu servizo, que chegará ao noso territorio ao longo do presente ano, e para o que hai que adquirir un equipamento por valor de 499 euros (ao que hai que sumar 60 euros de gastos de envío e xestión) e logo pagar 99 euros/mes polo servizo ao que habería que engadir unha sorpresa: 9 euros/mes adicionais para sufragar a licenza que impón a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia para que Starlink poida acceder aos espectro electromagnético, ou sexa, que Starlink en vez de asumir a «taxa por reserva de dominio público radioeléctrico» trasládaa directamente ao usuario final.
Á vista destes prezos resulta evidente que esta tecnoloxía está dirixida principalmente para quen precise dunha boa conexión á Internet e estea nunha zona sen cobertura de fibra óptica e cun servizo deficiente de banda larga móbil.

PUBLICIDADE