Steam para Linux comeza a executar xogos de Windows

mércores, 22 de agosto do 2018 Marcus Fernández

O novo DOOM pode correr agora en Linux grazas a Proton

Dende Valve levan tempo promovendo Linux como plataforma de xogos e, de feito, até lanzaron a súa propia distribución, SteamOS, así como tamén contan con máis de 3.000 xogos con soporte para Linux, pero iso non era dabondo, polo que esforzáronse para ampliar a compatibilidade dos xogos de PC en Linux a través de Wine e outros proxectos de compatibilidade, que foron integrando no cliente de Steam. Tras dous anos de traballo decidiron facer público este proxecto, e agora temos acceso á beta da nova versión de Steam Play, dispoñible para todos os usuarios de Linux, que conta cunha versión modificada de Wine (chamada Proton) que achega compatibilidade con bastantes xogos para Windows.

NieR: Automata é un dos xogos que agora pode gozarse baixo Linux

Deste xeito, agora é posible instalar en Linux xogos só dispoñibles para Windows, que poden executarse directamente a través do cliente de Steam, e que conseguen un rendemento bastante bo grazas a implementacións de DirectX 11/12 baseadas en Vulkan. Tamén mellorouse o soporte de mandos de xogos e o rendemento dos xogos con multiproceso (en comparación co uso da versión normal de Wine).
Dado que estamos cunha beta, a tenda de Steam non amosará os xogos que estrean compatibilidade con Linux como tal, pero a listaxe inicial de títulos comprobados (que irá medrando paulatinamente) resulta moi interesante: Beat Saber, Bejeweled 2 Deluxe, Doki Doki Literature Club!, DOOM, DOOM II: Hell on Earth, DOOM VFR, Fallout Shelter, FATE, FINAL FANTASY VI, Geometry Dash, Google Earth VR, Into The Breach, Magic: The Gathering - Duels of the Planeswalkers 2012, Magic: The Gathering - Duels of the Planeswalkers 2013, Mount & Blade, Mount & Blade: With Fire & Sword, NieR: Automata, PAYDAY: The Heist, QUAKE, S.T.A.L.K.E.R.: Shadow of Chernobyl, Star Wars: Battlefront 2, Tekken 7, The Last Remnant, Tropico 4, Ultimate Doom, Warhammer 40,000: Dawn of War - Dark Crusade e Warhammer 40,000: Dawn of War - Soulstorm.

PUBLICIDADE