Steve Jobs critica ao Flash e a Google, e comenta que o vindeiro iPhone será un produto moi actualizado

luns, 1 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

A revista Wired publicou na súa páxina web unha serie de declaracións de Steve Jobs achegadas a través dunha fonte confidencial non autorizada por Apple, nas que critica a tecnoloxía Flash de Adobe e a filosofía de empresa de Google.
Sobre a ausencia da tecnoloxía Flash tanto no iPhone coma no iPad, Jobs asegura que o Flash provoca demasiados problemas, e incluso chega a asegura que é o causante de moitos dos colgues que poden ter os Mac, de aí que entenda que moitos servizos web estean migrando a HTML5 para librarse da tecnoloxía de Adobe.
Pero Google non se libra das críticas de Jobs, quen non dubida ao pensar que o mantra de «non sexades malos» que guiaba á compañía do buscador deixou de aplicarse hai tempo, e agora están a tratar por todos os medios acabar co iPhone.
As declaracións de Jobs tamén apuntarían a que a vindeira actualización do iPhone sería un cambio moi importante no produto, de xeito que Android e Google non terían xeito de pórse ao seu nivel, algo que estará por ver, pero parece confirmar que a compañía de Cupertino non pode permitirse unha nova actualización mínima do seu teléfono (lembremos que o iPhone 3G e o iPhone 3GS incluso son idénticos exteriormente).

PUBLICIDADE