Super Street Fighter II Turbo HD Remix chega ao Bazar de Xbox LIVE

mércores, 26 de novembro do 2008 Marcus Fernández

Ryu enfrontándose a Bison no xogo

Hoxe incorporouse ao Bazar de Xbox LIVE o agardadísimo xogo Super Street Fighter II Turbo HD Remix, que vén a ser unha revisión do clásico xogo que xa fora adaptado ás consolas da anterior xeración, pero que agora actualizou os seus gráficos para a alta definición (1.080p), conservando toda a esencia do clásico das recreativas.
Por desgraza, os usuarios da PS3 deberán agardar á semana que vén para contar con este excelentísimo xogo, que permite revivir a experiencia do clásico xogo de loita en 2D mentres non chega Street Fighter IV.
O título para a Xbox 360 se vende como descarga por 1.200 Microsoft Points (uns 14,40 euros) aínda que hai que admitir que está á altura dos xogos que hai un par de anos se vendían para as consolas de anterior xeración (ou sexa, que case podería ser un produto destinado para tendas físicas) aínda que só ocupa 368 Mbytes de disco. Tampouco lle falta a posibilidade de probar a súa demo.
Queda claro que este novo xogo está moi lonxe do remake puro, o Street Fighter II’ HF que saíra á venda en 2006 a través de Xbox LIVE por 800 Microsoft Points (uns 9,6 euros), e nesta caso tamén está dispoñible o modo multixogador local e en liña, polo que hai que recoñecer que estamos ante un xogo altamente recomendable para calquera amante dos xogos de loita que pasaron moitas horas repartindo leña nos clásicos xogos que Capcom lanzou a primeiros dos 90 para máquinas recreativas.


Último trailer de Super Street Fighter II Turbo HD Remix

PUBLICIDADE