Suspenden numerosas contas de X/Twitter de divulgadores científicos

mércores, 17 de abril do 2024 Marcus Fernández

Nas últimas horas unha chea de contas de X/Twitter de investigadores, activistas e medios de comunicación apareceron como suspendidas sen motivo aparente nin explicación por parte da plataforma de Elon Musk, amosando aos seus creadores incluso a mensaxe de que tal suspensión era permanente, dando a entender que estaban a ser vítimas dun ataque coordinado de usuarios contrarios á divulgación científica e á loita contra a desinformación.
De feito, non faltaron grupos reaccionarios que reivindicaron a autoría do ataque como un xeito de gañar notoriedade, pero tras comprobarse que había moitas contas de usuarios afectadas que pouco tiñan que ver con tal perfil, de xeito que segundo foi avanzando a xornada quedou en evidencia que en realidade as contas afectadas foron vítimas do mal funcionamento dos mecanismos de detección de contas falsas na plataforma, e pouco a pouco foron restaurándose.
Ao parecer nos últimos días están a ser milleiros as contas de X/Twitter que están a ser suspendidas por identificarse como bots polo algoritmo que empregan na plataforma pese a ser contas lexítimas, o que evidencia a falta de control humano neste tipo de medidas de control, algo frecuente dende que Elon Musk está á fronte da compañía, pois reduciu considerablemente o número de traballadores encargados da moderación de contidos, provocando incidentes deste tipo á vez que tamén facilita a proliferación de todo tipo de discursos de odio e desinformación.

PUBLICIDADE