TEDxGalicia 2011 trunfou achegando distintas visións da realidade actual
venres, 25 de novembro do 2011
Baixo o título de Sinxelas
aproximacións a unha realidade complexa chegou este ano á Facultade de
Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela a segunda edición do evento TEDxGalicia, o
que supón a consolidación desta iniciativa na nosa comunidade.
Os eventos TED naceron como unha conferencia anual na que pensadores e emprededores
con convidados para comunicarse coa audiencia durante só 18 minutos, o que dá
lugar a un programa dinámico e moi enriquecedor, que buscou o seu espallamento
global a través da Internet e de conferencias locais coñecidas como TEDx, que
deben cumprir cunhas directrices xerais para respectar o espírito de TED
(siglas de Tecnoloxía, Entretemento e Deseño). Así temos este impresionante
encontro en Compostela, que nesta edición repartiu os relatorios en 4 quendas
de 4-5 relatores baixo os lemas Imaxina, Pensa, Crea e Comporte.
- Xurxo Mariño permitiu á audiencia escoitar a música que xera o cerebro
A mañá comezou con Imaxina, con 4 charlas nas que Carmen Vázquez e Ana Sanjuán
reivindicaron a intelixencia emocional, o profesor Miguel Ángel Vidal explicou
o valor das matemáticas divertidas no proceso educativo (reformulando a famosa
fórmula de E = m · c2 como Educación = Maxia · Corazón2),
Roberto Rodríguez achegouse ao potencial da persoa e Patrick Berry narrou unha
experiencia persoal para chamar á reflexión sobre as relacións entre médicos e
pacientes.
A xornada matinal rematou cos relatorios Pensa, con Manuel Borobio propondo ao
territorio como inspiración, Concha Martínez reintroducindo a lóxica, Antonio
Salas explicando o que son os nosos devanceiros, Flavio Morganti vendendo o
valor dos aromas e os sabores na cociña e Xurxo Mariño facendo atractiva a
ciencia, para o que explicou a neurociencia a través dos sons do cerebro.
- Luis Hernández defendeu o valor de seu da virtualidade
Baixo o lema de Crea comezou a sesión de tarde da presente edición de
TEDxGalicia, cunha divertida presentación do artista conceptual Enrique Lista,
unha sesións de coaching de Daniel
Álvarez, unha lección de ilusionismo de Kiko Pastur, a historia de superación
persoal e emprendemento de Marta Álvarez (fundadora de Granxa Maruxa) e a
reflexión do profesor da UDC Luis Hernández sobre a virtualidade, área na que
ten moita experiencia, comezando nos primeiros gráficos 3D xerados por
ordenador ata pasar aos universos
virtuais e os videoxogos en liña, no que chegamos a ter alter egos cos que podemos relacionarnos dun xeito que nunca
fariamos no mundo físico.
O prazo forte deste evento chegou a última hora da tarde, con Comparte, sección
que abriu o divulgador Vicente de Souza, facendo unha divertidísima actuación
centrada na estrutura cerebral.
- Genís Roca destacou os cambios no acceso á información das últimas décadas
O recoñecido especialista en Internet Genís
Roca foi posiblemente o orador do que o público levou unha mellor
impresión, pois dedicou a súa exposición a reflexionar no momento que vivimos
como un dos meirandes cambios históricos que viviu a humanidade. Non só
comentou o cambio no consumo que tivo lugar no último século (no que pasamos a
ter un acceso moi reducido á información a sermos creadores e consumidores de
xeito masivo) senón que tamén reflexionou sobre os cambios de modelos de
negocio que achega a dixitalización, sostendo firmemente que a única saída que
hai para os contidos culturais é a migración de produto a servizo (o que
ilustrou co salgo do disco físico, ao MP3 e, finalmente, a plataformas como
Spotify).
- Manuel Gago narrou a súa experiencia arquelóxica desenvolvida en boa medida grazas á Internet
O franciscano Paco Castro falou dunha espiritualidade máis aló de conviccións
relixiosas, e o profesor da USC Manuel Gago contou a
súa experiencia arqueolóxica e a interesante
iniciativa de PatrimonioGalego.net.
Puxo a guinda a este evento o co fundador de Blusens, Miguel Silva, que con
analoxías coas carreira espacial e aproveitando un acompañamento musical moi
atinado, contou parte da súa experiencia como emprendedor, xuntando chaves de
éxito como rodearse da xente axeitada e a perseverancia. Unha lección recibida
pola audiencia como o peche ideal deste encontro que promete repetirse nos
vindeiros anos, para fortuna dos preto de 300 persoas que tras a experiencia
actual contan con repetir en sucesivas edicións.
- Miguel Silva contou a súa experiencia emprendedora con apoio audiovisual para pechar de xeito maxistral o evento deste ano