TICgal convértese no primeiro socio estatal de Teclib’ para o impulso mundial da plataforma GLPi

mércores, 9 de novembro do 2016 Redacción

A nosa innovación estase a espallar polo mundo e non só cómpre impulsala, senón visualizala. Estes días chéganos dende Pontevedra un exemplo de coñecemento galego para o mundo. Trátase do xerado pola firma TICgal, unha empresa que reúne no seu nome os conceptos que máis de preto nos tocan en Código Cero (novas tecnoloxías da información e contexto galego). Segundo nos conta o seu principal impulsor, Óscar Beiro, TICgal foi a primeira firma do ámbito estatal en integrarse no equipo de partners oficiais (tres) en España de Teclib’, o grupo que lanza oficialmente a solución GLPi, revolucionaria plataforma de software libre que permite, entre outras cousas, construír un inventario de todos os activos informáticos dunha organización para facilitar a xestión integral dos seus sistemas de información.
Segundo nos conta Beiro, esta colaboración con Teclib’ estalle a permitir exportar o seu coñecemento TIC a unha manchea de clientes, “moitos deles emprazados alén das nosas fronteiras”. Un exemplo deste espallamento foi a implantación do dito software libre de GLPi en Allnet, unha multinacional con presenza en Chile e Perú especializada na provisión de servizos de outsourcing de impresión, fotocopiado e xestión de documentos.
A colaboración de TICgal con GLPi vén de antes de existir TICgal. De feito, Óscar Beiro traballa dende 2008 coa devandita ferramenta libre. Dende aquela, explica, “centramos o noso know how no coñecemento que posuímos deste software para ofrecer a nosa experiencia ás organizacións interesadas en contar con esta solución de código aberto na xestión dos seus sistemas TIC”.
Redución de custos
Segundo nos contan dende TICgal, GLPi inclúe unha plataforma para o rexistro e atención de solicitudes de soporte técnico. E engade: “Trátase dunha ferramenta altamente recomendábel para administradores de sistemas ou técnicos de soporte TIC, que ofrece un amplo abano de funcionalidades informáticas, con tradución a 22 idiomas e código aberto (open source)”. O uso desta solución, explica Beiro, permite ás organizacións que a empregan reducir de maneira significativa os seus custos TIC. Segundo engade, son moitas as empresas e entidades internacionais que teñen integrada esta plataforma de código aberto na xestión dos seus sistemas de datos. Por exemplo a Consellería de Educación do Goberno de Estremadura; a Comisión Federal de Electricidade de México ou o Ministerio do Interior de Francia.
As orixes de GLPi
O proxecto comunitario GLPi orixinouse no ano 2003 e, dende aquela, foi creando ao seu redor unha rede de socios encargados de promover a súa implantación e garantir a súa evolución. No ano 2009, Teclib´ converteuse nun actor clave do proxecto ao ocuparse da integración e da implementación de novas funcionalidades para este software. Desde o ano pasado, Teclib’ edita oficialmente a solución GLPi e responsabilízase de garantir o I+D+i do software. Dende a súa orixe, desenvolvéronse máis de 80 actualizacións da solución e, desde o pasado mes de setembro, está liberada e en vigor a versión GLPi 9.1.
Tradución ao galego
TICgal foi o primeiro socio en España e en lingua española para a promoción e mellora do software libre GLPi. Neste sentido, a firma pontevedresa ten acadado a categoría de silver partner de Teclib’. Ademais, TICGal ocupouse activamente da tradución ao galego desta solución.

PUBLICIDADE