Tablets e móbiles conseguen superar ás consolas de videoxogos portátiles en vendas de software

xoves, 21 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

App Annie e IDC publicaron hoxe os resultados do seu informe trimestral de xogo portátil correspondente ao último trimestre de 2012, cuns resultados que deberían facer tremer a Sony e Nintendo, pois reflicten que a nivel mundial o gasto en descargas de aplicacións móbiles superou ao de xogos para consolas portátiles, o que indica un importante cambio que promoveu principalmente Apple con seus dispositivos móbiles, aínda que Android tamén está a ter a súa relevancia (principalmente pola súa grande cota de mercado).
O informe combina o gasto na App Store co de Google Play (non contabilizando outras plataformas de descargas como a Appstore de Amazon) conseguindo superar conxuntamente aos videoxogos, curiosamente nun trimestre no que se celebra o Nadal (preto do 60% do gasto en videoxogos concéntrase tradicionalmente no mes de decembro), polo que parece que cruzouse un punto sen retorno, que mantén ás consolas portátiles no mercado dos videoxogos nunha boa posición, pero non no posto privilexiado que ocupaban ata hai pouco.
Dende IDC chegan a asegurar que “mentres que os xogos máis populares e os seus modelos de negocio son ben distintos, Nintendo e Apple están sorprendentemente moi preto en termos de agregación do gasto en xogos durante o cuarto trimestre de 2012”, aínda que haberá que agardar a posteriores trimestres (sen a interferencia do Nadal) para poder analizar a situación real do mercado dos videoxogos portátiles.

PUBLICIDADE