Talentia Summit 2021 vén con doce xornadas de actividades presenciais e en liña

venres, 5 de novembro do 2021 S. P.

A feira de emprego e emprendemento innovador Talentia Summit 2021, organizada polo Concello de Santiago, comezará este 15 de novembro, con máis días de celebración para acadar unha meirande pegada, tanto no virtual como no presencial. De feito, estenderase do 15 ata o 26 de novembro cun formato híbrido: tanto presencial como online.
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado polo técnico de Emprego, Xavier Ferreiro, deu conta esta semana dos detalles desta edición en rolda de prensa. Segundo fixeron saber, Talentia Summit repetirá este ano a súa condición de actividade referente en materia de emprego, sendo “o evento das súas características máis importantes do ámbito estatal”. Para referendalo, achegará un amplo programa de formación e participación con máis de 15.000 prazas dispoñíbeis en diferentes actividades para potenciar o talento das persoas participantes. O lema deste ano é Impulsando o talento, innovando na sustentabilidade.
A feira continuará sendo virtual e comezará o 15 de novembro, pero alongará a súa duración durante dúas semanas, ata o venres 26 de novembro. O evento transcorrerá de forma virtual na web talentiasummit.com.
Na feira ofrecerase ás persoas usuarias acceso gratuíto aos stands virtuais de máis dun cento de empresas con procesos de selección abertos, reserva directa de entrevistas con videochamadas, acceso a centos de ofertas de emprego, unha gran variedade de cursos de formación, certificados oficiais en competencias dixitais e idiomas, webinars e unha unidade de desenvolvemento profesional.
O programa de actividades incluirá a celebración do Foro Talentia 2021, o 18 de novembro en horario de mañá no Auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura. Será unha xornada con formato presencial, que contará coa presenza de Pilar Alegría, ministra de Educación e Formación Profesional; do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; e do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. Polo foro pasará o empresariado e os profesionais especializados en ciencia, tecnoloxía, enxeñería, matemáticas, educación, mercadotecnia, recursos humanos e economía máis relevantes de España, e especialmente de Galicia.
En datas vindeiras abriranse as reservas para poder acudir de forma presencial ao evento, que tamén se poderá seguir por streaming. Nas próximas semanas anunciaranse os relatores que participarán nesta nova edición. Tamén outros detalles e novidades da feira virtual, así como a apertura de inscricións para as diferentes actividades dispoñíbeis.

PUBLICIDADE