Tarifas móbiles e acceso a Internet máis baratos no Nadal

mércores, 15 de novembro do 2006 Raquel Noya

O Nadal xa está ás portas. O alumeado típico destas festas comeza (xa!) a acenderse nas rúas, e nos escaparates das tendas os doces típicos adquiren un inevitable protagonismo. Comeza a ser tempo de pensar nos agasallos que faremos e nos que queremos que nos fagan para ir apurando as compras e non chegar á Noite de Reis cos deberes sen facer.
Si se cumpren as previsións do presidente da Comisión de Mercado de Telecomunicacións, Reinaldo Rodríguez, é probable que para este ano 2007 que dará comezo en breve as tarifas móbiles e de acceso a Internet sexan máis baratas, co que podemos ter un pouco máis claro o que se pode agasallar sen rañar o peto tanto coma noutros anos. Rodríguez non se atreveu a dar unha cifra concreta pero asegurou que a baixa dos prezos comezarase a notar durante o Nadal e, con toda seguridade, ó longo do ano que vén.
O máximo reitor da CMT insistiu en que a diferenza de tarifas da banda ampla en España respecto á media europea é “elevada abonda” e a este respecto asegurou que a CMT xa está a traballar no deseño de distintos cambios no mercado ó por maior que impulsen unha rebaixa de prezos. Tamén sinalou que, por primeira vez, regularanse e orientaranse os custos da liña ADSL IP, o que supón unha garantía de subministro e unha redución de tarifas.

PUBLICIDADE