Taxistas de Sada protestan polo bo posicionamento en Google dun compañeiro

mércores, 8 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

Estes días parte do colectivo de taxistas de Sada está a protestar polo feito de que nos resultados de busca en Google ao procurar un taxi na súa localidade en vez do número de teléfono da parada de taxis figura nunha posición superior o número telefónico correspondente ao taxi nº 10, de José Antonio Ferreiro, profesional que tivo a boa idea de rexistrar o dominio taxisada.com e habilitar unha páxina web dende a que ofrece o seu servizo as 24 horas do día.
Os taxistas aseguran que Ferreiro está a acaparar os servizos, e aseguran ter reducido considerablemente o seu volume de traballo, polo que reclaman medidas ante o Concello, que xa está a elaborar unha ordenanza municipal para regular o sector buscando un servizo de calidade e que os taxistas teñan un traballo digno.
Pola súa banda, o taxista sobre o que hai protestas non cometeu ningunha irregularidade. Simplemente limitouse a ter presenza en liña (incluso sen contratar publicidade), algo que non fan os seus compañeiros, polo que as reclamacións parecen carecer de todo fundamento, xa que non se trataría dunha competencia desleal, senón da recompensa dun bo facer.
Se ben, a existencia dunha plataforma centralizada de chamadas para a vila, na que hai un total de 20 licenzas de taxi, sería unha boa solución, este tipo de iniciativas tenden a nacer da colaboración entre os profesionais, cada vez máis necesaria en sectores en crise.

PUBLICIDADE