Tecalis e o Concello de Ames conmemoran nas redes a Semana Verde Europea

martes, 27 de outubro do 2020 S. P.

Co gallo da EUGreenWeek, a Semana Verde Europea, a empresa tecnolóxica Tecalis e o Concello de Ames iniciaron novamente unha colaboración para, desta volta, conmemorar un evento internacional que aposta por xeitos sustentábeis, circulares, saudábeis e ecolóxicos de producir e vivir. Ao abeiro desta nova cooperación, a Concellaría de Transición Ecolóxica preparou material conmemorativo con agasallos para o equipo profesional de Tecalis, que os reflectiu nas redes sociais e acompañounos con material gráfico ilustrativo sobre a dita colaboración e sobre o día a día das traballadoras/es da empresa TIC ao abeiro dos hábitos e rutinas green.
Tecalis é unha empresa con sede no Polígono de Milladoiro que ten dez anos ás súas costas impulsando tecnoloxías para resolver retos produtivos, desenvolvendo solucións de software para mellorar a experiencia dos usuarios e automatizando procesos dixitais. Está especializada no desenvolvemento de páxinas web e software empresarial a medida. Ademais ofrece solucións integrais para o lanzamento de proxectos web mediante campañas e estratexias de mercadotecnia dixital.

PUBLICIDADE