Tecnoloxía galega no Ligitrans de Estoril

mércores, 22 de abril do 2009 Raquel Noya

A empresa coruñesa de telecomunicacións, Satdata Telecom, é a única galega con presenza no Salón Profesional do Transporte e a Loxística que se está a celebrar en Estoril entre hoxe e mañá, e no que se dan cita as principais empresas de transporte, a fin de analizar e debater sobre as temáticas innovadoras e as últimas tendencias deste sector.
Satdata Telecom, como patrocinador Gold do evento, esponsorizará o bloque Optimizaçao do Transporte de Mercaderías, un campo no que a empresa galega se desenvolve á perfección ao ser pioneira no desenvolvemento de tecnoloxía DMR de telecomunicacións.
Asemade, os responsables da compañía levarán a cabo un relatorio no que exporán o seu proxecto de implantación de solucións de xestión de frotas Satdata na empresa AGROS (União das Cooperativas de Produtores de leite de Entre Douro e Minho e Trás-os-Montes, U.C.R.L), do que demos conta na nosa web no seu día.
Coa participación en Ligitrans, Satdata Telecom pretende dar un paso máis no seu afianzamento no mercado portugués así como seguir recabando datos e experiencias para a elaboración do seu proxecto de internacionalización.

PUBLICIDADE