Tecnoloxía libre de supercomputación para empresas galegas e portuguesas do sector metalúrxico

luns, 19 de decembro do 2011 Redacción

A supercomputación e as súas vantaxes (ese potencial para resolver operacións de cálculo, empresariais ou científicas, que sen contar con grandes ordenadores ou con ordenadores en liña non poderían ser posíbeis) van estar máis preto do noso sector produtivo industrial. Máis polo miúdo, dos sectores metalmecánico e metalúrxico de Galicia e o Norte de Portugal, que son nos que se insiren as empresas integrantes da Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (AIMEN) e a Associaçao de Industriais Metalúrxicos e Metalomecánicos de Portugal, AIMMAP. As devanditas plataformas, xunto co Centro de Apoio Tecnolóxico á Industria Metalomecánica, CATIM, e grazas á tecnoloxía do Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA, terán ao seu alcance tecnoloxías libres e avanzadas de deseño, enxeñaría e simulación por computador.
O obxectivo, segundo informa o CESGA nun comunicado, é impulsar a innovación nas pequenas e medianas empresas de ámbalas beiras do Miño.
Cómpre ter en conta, engade o centro emprazado no Campus Sur de Santiago, que as empresas usan cada vez máis modelización e simulación co fin de aumentar as súas vantaxes competitivas. Deste xeito, “CESGA, AIMEN, CATIM E AIMMAP uniron forzas para facilitar a través deste proxecto, o acceso a software de simulación de código libre e capacidade adicional de computación”, infórmase.
O Proxecto CloudPEME, que é como se chama esta iniciativa, supón que as pequenas e medianas industrias manufactureiras teñan á súa disposición unha serie de tecnoloxías avanzadas e coñecementos técnicos de vangarda. Máis polo miúdo, “axudará ás firmas galegas e do Norte de Portugal a ter acceso ferramentas que realmente poidan impulsar a innovación nos seus procesos e produtos”.
O fin último do proxecto é dotar ás empresas do coñecemento; facilitarlles o acceso a ferramentas de simulación sen custo de licenza que lles permitan mellorar os seus produtos con maior eficacia, a menor custo e nun tempo reducido; e proporcionais unha plataforma de soporte para a súa utilización. O custo total do proxecto é de 417.280, dos que o 75% está financiado con fondos FEDER a través da segunda convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España - Portugal 2007-2013 POCTEP.

PUBLICIDADE