Tecnópole organiza unha conferencia sobre coaching para o emprendemento e a innovación

mércores, 9 de maio do 2012 Raquel Noya

Exemplo de sala de coworking, vista en raulpiriz.wordpress.com

A Tecnópole-Parque Tecnolóxico de Galicia está a organizar una conferencia sobre coaching para o emprendemento e a innovación, que celebrará o vindeiro venres, 25 de maio, con motivo da estrea dun novo espazo de traballo nas súas instalacións, dende o que ofrecerá servizos orientados a profesionais autónomos.
Trátase dunha nova sala de coworking na que se ofrecerán ferramentas de traballo e apoio adaptadas especificamente ás necesidades dos autónomos e emprendedores, e tanto o novo espazo como a conferencia que terá lugar na súa inauguración, foron postas en marcha no marco do 20º aniversario da Tecnópole.
A conferencia, que será impartida por Thinkin’’ Coaching en horario de mañá, presentará aos asistentes as vantaxes desta actividade como un proceso creativo útil para o desenvolvemento das competencias persoais e profesionais, facendo especial fincapé na súa capacidade para potenciar as aptitudes e habilidades relacionadas co emprendemento e a innovación.
Tal e como informan dende a Tecnópole, o coaching é un proceso de axuda orientado á consecución de obxectivos “que non consiste en que o coach transmita coñecementos ao participante, senón que, mediante o uso de competencias como a escoita activa e a pregunta, consiga provocar que este atope as súas propias solucións das que até ese momento non era consciente, en forma de accións para alcanzar o obxectivo que pretende”.Neste caso”, engaden, “os obxectivos serán dous: emprender e innovar”.
A conferencia vai dirixida, fundamentalmente, a directivos, emprendedores e persoas con ideas innovadoras que desexan para sacar adiante o seu proxecto empresarial ou ben establecer novos plans de negocio nas súas organizacións.
A xornada é totalmente de balde porén aquelas persoas que queiran participar voluntariamente nunha campaña de recollida de xoguetes para os nenos máis desfavorecidos na que colabora a Tecnópole, poden facelo entregando un xoguete a cambio da inscrición.
O prazo para rexistrarse na xornada xa está aberto e poder formalizarse enviando os datos de contacto da persoa asistente a conferencias@thinkincoaching.com.

PUBLICIDADE