Teimas e Enxendra achegan a e-factura ao sector da xestión de refugallos

luns, 6 de febreiro do 2012 Redacción

Teimas e Enxendra, dúas empresas galegas integradas na asociación EGANET, veñen de unir forzas para facer máis doado, a través das novas tecnoloxías de xestión, o día a día das nosas empresas, principalmente o que ten que ver cunha das súas actividades fundamentais: a emisión de facturas. A iniciativa, froito dunha alianza tecnolóxica que complementa as opcións do software Teixo, vai dirixida, coma este programa, a firmas do sector da xestión de refugallos. En definitiva, a empresas que teñan participación no ciclo de produción, recollida, transporte e xestión de residuos.
Baséase a nova achega tecnolóxica, infórmase, no formato estándar Facturae, alicerce deste servizo para a emisión de facturas electrónicas que poñen en marcha Teimas e Enxendra. Facturae, lembremos, está recoñecido oficialmente pola Axencia Tributaria. A partir de xa, informan os responsábeis de ámbalas compañías, “os usuarios de Teixo, primeira plataforma na Rede para a xestión empresarial e ambiental das entidades que producen ou xestionan refugallos, poden beneficiarse dun aforro de arredor de 3,40 euros por factura emitida, segundo datos da Administración central, contribuíndo desta maneira á redución de consumo de papel e freando a deforestación global”.
Cómpre ter en conta que a facturación electrónica en relación coas administracións públicas é algo máis que un recurso vantaxoso, cómodo e seguro. En breve, será algo obrigatorio. Neste senso, informan as dúas empresas, a plataforma Teixo facilita e moito a nosa adaptación aos novos tempos, achegando todo o preciso para cumprir coas esixencias que indica a Lei 30/2007 de Contratos co Sector Público, que marca a obrigatoriedade de usar o formato Facturae con sinatura dixital avanzada.

PUBLICIDADE