Teimas medra en Europa cunha nova oficina en Bélxica

mércores, 19 de xullo do 2023 S. P.

A empresa tecnolóxica Teimas, socia do Clúster TIC Galicia, deu importantes pasos no seu proceso de internacionalización en Europa. Fíxoo en boa medida coa apertura dunha nova oficina no estranxeiro. A firma compostelá, especializada en software para a cadea de valor do residuo, acaba de abrir unha delegación en Bruxelas (Bélxica) coa que busca impulsar o desenvolvemento a súa actividade na Unión Europea.
Peter Bogman, novo perfil internacional, situarase á fronte da devandita delegación como Account Executive. En palabras de Miguel Varela, director executivo (CEO) de Teimas, “esta nova incorporación e a apertura dunha oficina en Bruxelas permitiranos apoiar a crecente demanda de solucións tecnolóxicas como Zero, plataforma SaaS para xestión de residuos e economía circular en grandes corporacións”.
Esta novidade prodúcese nun momento de gran crecemento para a empresa: en 2022 duplicou o seu persoal e xa conta con máis de 30 multinacionais entre os seus principais clientes. "A apertura dunha oficina en Bruxelas representa a nosa determinación para ser un colaborador líder, a nivel internacional, de empresas que apostan pola transformación dixital e o compromiso co medio ambiente”, comenta M. Varela. “Estamos entusiasmados por este novo capítulo na historia de Teimas e polas oportunidades que se presentan”, conclúe.

PUBLICIDADE