Telefónica amosa no Mobile World Congress o potencial de integrar Wi-Fi con 4G

mércores, 27 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

César Alierta, presidente de Telefónica, na súa intervención no salón Mobile World Congress /Imaxe de El Periódico

Como non podía ser doutro xeito (tendo en conta o ritmo que leva a operadora Telefónica de presentación de desenvolvementos, acordos e servizos novos), entre as cousas que se poden ver estes días en Barcelona, nesa gran bóla de cristal sobre o futuro das telecomunicacións que é o Mobile World Congress, tamén hai cousas da operadora española. Por exemplo unha presentación en detalle dos resultados das súas máis recentes experiencias de voz sobre tecnoloxía LET e na integración de Wi-Fi como un complemento máis da rede móbil. Isto último insírese no seu obxectivo de amosar a integración completa da dita tecnoloxía de acceso sen fíos nunha rede 4G.
Esta disposición de Wi-Fi na rede celular podería estar ao alcance da man dos clientes o ano vindeiro, permitindo entre outras cousas que os usuarios de smartphones e tablets muden a tecnoloxía móbil 3G a outra Wi-Fi e coa vantaxe dun “cambio imperceptíbel e sen que se perda cobertura”, informa a operadora dende o salón de Barcelona. Estamos, di, xusto no limiar da porta que nos dá acceso a un gran abano de servizos multimedia de última xeración. Unha boa parte disto sostense na confianza de Telefónica con respecto á devandita tecnoloxía sen fíos, até o de agora moi empregada para estender o brazo das redes (por así dicilo, incrementar músculo), pero pouco explotada como recurso único e prioritario (non un complemento). Telefónica afirma que o valor real desta rede “verase cando estea integrada ao con por cen nas tecnoloxías móbiles baseadas no 3GPP, Proxecto Asociación de Terceira Xeración”. E engade: “A nova tecnoloxía Wi-Fi que se empregará na implantación de redes móbiles pasou ao terceiro nivel de operador, o que significa que ofrece os últimos avances e prestacións, ademais dun rendemento semellante ao do LTE, e permite ademais o roaming entre varios operadores e países”.

PUBLICIDADE