Telefónica e Citrix queren espallar a nube empresarial con Virtual Dekstop

mércores, 28 de outubro do 2015 Redacción

Telefónica e Citrix están a amosar os froitos do seu traballo conxunto en materia de servizos na nube para as empresas. Máis polo miúdo, a súa cooperación recente deu como resultado un recurso para facilitar aos clientes a virtualización do seu posto de traballo na nube. Ou sexa: a posibilidade certa de levaren a cabo labores cotiáns de calquera índole dende calquera lugar e calquera computador. Trátase do servizo Virtual Desktop e virtualiza, sinalan Telefónica e Citrix, aplicacións de negocio e escritorios Windows completos. En detalle, engaden, o servizo “crea unha contorna de traballo accesíbel dende calquera dispositivo, totalmente segura e con capacidade para achegar unha experiencia de usuario máis sinxela e sen interrupcións”.
Polo tanto, a idea é simplificar a xestión e axilizar os procesos das empresas que teñan unha cifra alta de empregados ou ben un espallamento considerábel das súas sedes. Para este tipo de firmas, Virtual Dekstop fornece o despregamento de escritorios, a actualización ou migración do software e do sistema operativo así como a habilitación de aplicacións, de maneira masiva; “aforrando tempo e custos ás devanditas compañías”, engaden Citrix e Telefónica, que tamén salienta que o servizo amplía as opcións a nivel de xestión de dispositivos nas organizacións, entre outras cousas porque “aloxar as aplicacións e escritorios na nube supón desligar a información do dispositivo de traballo”. En consecuencia, redúcense os labores a realizar polos equipos informáticos e móbiles e alóngase o seu ciclo de vida.

PUBLICIDADE