Telefónica e Saluspot xuntan forzas para democratizar a eSaúde en Latinoamérica

venres, 21 de febreiro do 2014 Redacción

Benjamin Niddam, co-fundador de Saluspot

Telefónica Dixital e Saluspot (comunidade dixital de eSaúde integrada por médicos e pacientes) veñen de xuntar forzas para impulsar estratexias conxuntas en materia de tecnoloxías aplicadas no eido da medicina, a atención, os coidados e o seguimento das persoas doentes ou dependentes. Para a operadora, o acordo é “o máis importante até a data no que se refire a saúde dixital no sector consumo e en termos de alcance global e número de usuarios”. Para Saluspot, a alianza vaille dar azos ao seu proceso de medre, un espallamento que abrangue América Latina e que se apoiará na experiencia en presenza de Telefónica alén do Atlántico (onde conta xa con máis de dous millóns de clientes de servizos dixitais de saúde).
Para a operadora, o acordo do que estamos a falar, “fortalece o seu catálogo de servizos en materia de eSaúde e a súa aposta por converterse en actor crave neste terreo”. Segundo as dúas partes implicadas na alianza, está claro que é preciso clarificar cousas na Rede, simplificar servizos e sobre todo pór un pouco de orde. Segundo apunta Telefónica, “a fiabilidade da información médica en Internet, malia a demanda que experimenta, atravesa un intre delicado”. De feito, sinala a compañía, a Rede reborda de fontes anónimas que divulgan contidos de saúde de aparencia útil e relevante, sendo imposíbel para o usuario saber a ciencia certa se o que ten diante é gran ou palla. Neste punto, incide a operadora, é onde entra en xogo Saluspot, unha comunidade onde os usuarios de servizos dixitais ligados á medicina, e os propios facultativos, achegan as súas opinións directas sobre múltiples cuestións. “Estamos polo tanto”, informan, “ante unha información sanitaria fiábel e de calidade que evita que o usuario siga consellos de fontes non autorizadas que poidan pór en risco a súa saúde”. Isto é especialmente relevante en Latinoamérica, onde “existe un importante segmento de poboación cun acceso limitado ao sistema sanitario”. Saluspot, neste senso, lembrou na sinatura do acordo con Telefónica que o seu cometido é e será facilitar a democratización da saúde, subministrando acceso ao consello dun profesional colexiado e de balde, “acceso que para parte da poboación non sería posíbel doutra forma”.

PUBLICIDADE