Telefónica faise cos dereitos da Champions e da Europa League

venres, 29 de xuño do 2018 Redacción

Emilio Gayo, presidente de Telefónica España

Comezamos semana sabendo que Telefónica facíase cos dereitos audiovisuais de LaLiga para o mercado residencial durante os anos 2019-2022, e dende Telefónica anuncian agora que tamén pecharon un acordo con Mediapro para a adquisición dos dereitos de emisión da UEFA Champions League e a UEFA Europa League para o mercado residencial español para as vindeiras tres tempadas (2018-2021).
O acordo aínda está supeditado á autorización da UEFA, e suporía que Telefónica terá nos vindeiros anos o 100% dos dereitos do fútbol de pagamento para o mercado residencial.
Dende Telefónica salienta que a partires desta tempada os partidos da UEFA Champions League en España só poderán verse a través de plataformas de pagamento, desaparecendo o habitual encontro en aberto, mentres que na UEFA Europa League Mediapro reservouse o dereito a emitir un partido en aberto por xornada.
Outra novidade da vindeira Champions é que os partidos xa non serán ás 20:45 horas, senón que cada xornada terá dous horarios: ás 19:00 e ás 21:00 horas. Con este cambio buscan mellorar a experiencia e satisfacción do usuario, abrindo tamén máis oportunidades para monetizar o contido, tanto por parte de Telefónica como do resto de operadores que vaian comercializar estes contidos audiovisuais.
O presidente de Telefónica España, Emilio Gayo, asegura que «a adxudicación do pasado luns dos principais lotes dos dereitos de LaLiga levou a Telefónica a consolidar a súa aposta pola televisión cun dos contidos máis seguidos polos nosos clientes, completando a súa oferta coa Champions e a Europa League».

PUBLICIDADE