Telefónica lanza oficialmente Movistar Fusión o 1 de outubro

venres, 28 de setembro do 2012 Marcus Fernández

O servizo inclúe chamadas ilimitadas a fixos e 550 minutos de chamadas a móbiles dende o fogar

O vindeiro luns lanzarse comercialmente o paquete Movistar Fusión co que Telefónica combina baixo un único contrato os servizos de telefonía fixa, telefonía móbil, ADSL e televisión a un prezo moi competitivo e sen posibilidade de réplica por parte dos seus competidores máis directos, de aí que agarden captar 1 millóns de clientes antes de rematar o ano, recibíndose xa unha importante cantidade de solicitudes de alta antes da propia estrea do servizo.
Este produto dirixido a particulares e pequenas empresas inclúe por 49,90 euros/mes + IVE unha liña de telefonía fixa con chamadas nacionais a fixos ilimitadas e 550 minutos de chamadas a móbiles ao mes, unha liña móbil con 500 minutos de chamadas ao mes, SMS ilimitados e 1 Gb de transferencia de datos e ADSL de 10 Mbps e a posibilidade de ampliar o servizo con televisión por 30 euros adicionais. Nalgunhas zonas, as ofertas de Movistar Fusión chegan na súa variedade Fibra, que ten un prezo 10 euros superior por incluír acceso á Rede por fibra óptica a unha velocidade de 100 Mbps. Entre as vantaxes desta oferta está a posibilidade de incorporar ata 5 liñas móbiles (cun cargo adicional).

A oferta podería danar á competencia

Aínda que compañías como R, con rede propia, están a axustar as súas tarifas para poder facer fronte á oferta combinada de Telefónica, no caso dos operadores de ADSL iso non é posible, o que levou ao conselleiro delegado de Vodafone, Vittorio Colao, a asegurar que a súa compañía emprenderá as medidas pertinentes (incluíndo accións legais) contra Movistar Fusión, agardando poder demostrar que a oferta anunciada non é replicable por parte dos operadores alternativos e chegando a asegurar que de permitir a súa comercialización correriamos o risco dunha “re-monopolización” por parte de Telefónica.

Movistar Fusión achegará conexións á Internet de ata 10 Mbps por ADSL e ata 100 Mbps por fibra óptica

PUBLICIDADE